O PARTIDO
SumaRibeira está formado por un grupo de mulleres e homes de ámbitos diversos da vida do noso Concello que vimos a necesidade de ocupar un espazo político que, ao nos entender, está baleiro no Concello de Ribeira. Constatamos que, a pesares de que nesta última lexislatura o partido gobernante non tiña maioría absoluta, non se mudou nada fundamental, non houbo un cambio de rumbo, nin maior transparencia, nin maior participación, nin se incidiu en apostar por políticas dirixidas á procura do benestar social. A maioría das mocións aprobáronse por unanimidade… Temos o convencemento de que outra forma de facer política é posible. Unha política que coide máis ás persoas a ao entorno onde vivimos. Por iso, levamos xa un tempo traballando co obxectivo de presentarnos ás próximas Eleccións Municipais. Suma Ribeira non foi un parto doado, non polos desencontros ou discrepancias das persoas que o conformamos, senón porque é produto dunha reflexión demorada, dun debate lento e enriquecedor que hoxe chega a porto despois dunha singradura cuxos inicios se perden moitos meses atrás.
Partimos da premisa de que a democracia ou é participativa ou non é democracia. Non cremos nunha democracia onde todas as decisión as deleguemos nos representantes electos. Queremos conseguir que a participación na vida política, neste caso na municipal, se faga de maneira permanente por toda a veciñanza. Para lograr este obxectivo non chega con declaracións grandilocuentes, nin con regulamentos de participación mornos e nas mans dos gobernantes ou dos partidos con representación municipal. Precisamos da vontade política e a determinación de facer as mudanzas necesarias e dotar á veciñanza das ferramentas para participar activamente (folga dicir que de forma transparente, e non como ata agora onde as “influencias políticas” de determinados colectivos sociais inflúen de maneira obscena na vida municipal, iso si, baixo corda). Parécenos tamén moi importante a descentralización da vida municipal que ten que achegarse moito máis ás parroquias. Para conseguir os obxectivos que nos propoñemos decidimos crear un partido de ámbito local: SumaRibeira, un partido que, como o seu propio nome indica, pretende sumar, aportar, construír… para conseguir unha Ribeira onde a vida sexa máis doada para todas as persoas que nela vivimos.
A CANDIDATURA
A nosa Candidatura é fundamentalmente integradora, participativa, asemblearia, democrática e feminista, baseada no traballo en equipo. Todos os membros, os que están na lista e os que non, contamos por igual á hora de decidir. Cada quen aporta o seu traballo e os seus coñecementos en función das súas posibilidades e con responsabilidade para consolidar este Proxecto que ten a vocación de contribuír a Gobernar este Concello para facer realidade o cambio que, dende o noso punto de vista, Ribeira e a súa veciñanza necesitan. SumaRibeira presenta como candidatura ás eleccións de Concelleiros/as do Concello de Ribeira as persoas que figuran na presente relación, de conformidade co establecido na Lei Orgánica 5/1985, do 19 de xuño, do Réxime Electoral Xeral:
1. XURXO FERRÓN VIDÁN
2. MARÍA CELIA GARCÍA PILLADO
3. MARÍA LEONOR ESTÉVEZ ÁLVAREZ
4. MARÍA CARMEN GARCÍA PAZ
5. SEVERINO MANUEL MUÑIZ FONTAIÑA
6. MARÍA DE LOS ÁNGELES SANTOS CASAIS
7. MANUEL GONZÁLEZ GONZÁLEZ
8. ANA MARIA HERNÁNDEZ SEVILLA
9. ALICIA DOLORES TAFUR LOPEZ
10. JUAN JOSÉ MARTÍNEZ MUÑIZ
11. ANA BELÉN RILO GUEVARA
12. MARÍA JESÚS ALONSO DÍAZ
13. XULIO AGEITOS BELLO
14. MARÍA SOLEDAD GUEVARA URQUIOLA
15. JOSÉ LAMELA CACHEIRO
16. MARÍA ISABEL BRAVO CORES
17. INMACULADA DE LA HERRÁN LOJO
18. JUAN JOSÉ ARGIBAY TORRADO
19. SARA MOURE PRADO
20. TOMÁS GÓMEZ SERÁNS
21. LUIS DAMIÁN GONZÁLEZ BOÁN
Suplentes
22. MARÍA ROSARIO IGLESIAS TORRADO
23. MANUEL PAZOS SOBRIDO
24. JUAN RAMÓN ESTÉVEZ SUÁREZ
O PROGRAMA ELECTORAL
O noso Programa Político está baseado en catro piares fundamentais: PARTICIPACIÓN TRANSPARENCIA POLÍTICA DE BENESTAR SOCIAL IGUALDADE Este Programa que aquí presentamos a todas as veciñas e veciños do noso concello é un Programa ambicioso que pretende superar a vella política, a da falla de transparencia, a do amiguismo… Queremos unha cidadanía empoderada que coñeza os seus dereitos e os esixa, que non se resigne, que participe. Presentamos un proxecto que é froito de moitos meses de traballo, no que colaboraron moitas persoas. Un Programa que queremos desenvolver con total transparencia, de forma honesta e amosando empatía e sensibilidade ante os problemas da cidadanía: desigualdade, inxustizas, paro ou precariedade laboral, deterioro do Medio Natural e do noso Patrimonio Cultural, feísmo…
1. IGUALDADE, SERVICIOS SOCIAIS E SANIDADE
2. EDUCACION, CULTURA E MOCIDADE
3. TRANSPARENCIA E PARTICIPACION
4. MEDIO AMBIENTE E URBANISMO
5. E ADEMAIS
1. IGUALDADE, SERVICIOS SOCIAIS E SANIDADE IGUALDADE
-Traballaremos activamente pola igualdade de xénero e para iso promoveremos actuacións encamiñadas a que non se produzan discriminacións por este motivo.
-Fomentaremos a formación en Igualdade de Xénero de todo o persoal técnico municipal e garantiremos que non se produzan comportamentos sexistas.
-Promoveremos cursos e obradoiros nas escolas sobre Igualdade, Feminismo, Educación Sexual, Diversidade afectivo-sexual…
-Estableceremos medidas para facer dos festexos e lecer espazos seguros para as mulleres. A este respecto valoraremos introducir medidas xa propostas e experimentadas noutros concellos unha vez avaliadas e adaptadas ao noso (proposta de PULSEIRAS e PUNTOS LILA).
-Esixiremos que o Centro de Información á Muller (CIM) desenvolva de xeito eficaz todas as competencias para erradicar a violencia contra as mulleres e a exclusión social, para promover a planificación familiar, o acceso ao emprego, a igualdade salarial e a promoción…
-Dotaremos de recursos humanos e económicos ao CIM para garantir o desenvolvemento das súas funcións.
-Crearemos espazos seguros de empoderamento e emancipación das mulleres.
-Habilitaremos vivendas para mulleres maltratadas e regularémolo por ordenanza municipal.
-Colaboraremos e promoveremos accións en colaboración con entidades comprometidas coa igualdade, a saúde e o benestar social das mulleres.
SERVIZOS SOCIAIS
-Dotaremos de recursos humanos e económicos suficientes ao Departamento de Servizos Sociais.
-Estableceremos protocolos de axuda ás familias en risco de exclusión social e de pobreza enerxética. Estableceremos unha partida orzamentaria para atender a emerxencias sociais.
-Elaboraremos unha Carta de Dereitos Básicos para evitar que haxa persoas obrigadas a vivir por debaixo do limiar da pobreza.
-O Concello xestionará as axudas que sexan competencia da Xunta de Galicia para as persoas en risco de exclusión social ou en situación precaria. En caso necesario adiantaranse os cartos ou as axudas necesarias para resolver estas situacións de forma inmediata.
-Colaboraremos coas asociacións de afectados polos desafiuzamentos para contribuír a paliar o problema das familias afectadas.
-Potenciaremos un Servizo Municipal de Atención ás Familias para axuda á dependencia para favorecer a conciliación das persoas coidadoras.
-Avogaremos por unha coordinación sociosanitaria para maiores que vivan sós.
-Proporemos a creación dun Centro de Día, de xestión municipal, co suficiente número de prazas para as persoas do Concello que o precisen.
-Impulsaremos a creación dunha Residencia, de xestión municipal, para persoas maiores con suficiente número de prazas e cos servizos necesarios para que as persoas maiores teñan unha vida digna.
-Aumentaremos o número de prazas da Gardería Municipal en función das necesidades das familias.
-Potenciaremos o Servizo de Atención á Cidadanía para facilitar a realización de calquera trámite tanto ante o Concello como ante a Xunta de Galicia.
SANIDADE
-Poremos en marcha o Consello Municipal de Saúde, órgano de participación cidadá que traballará na detección de necesidades e proposta de solucións.
-Xestionaremos ante a Consellería de Sanidade todas as melloras necesarias nos Centros de Saúde do Concello.
-Esixiremos que se revertan todos os recortes producidos nos últimos anos e se dote tanto ao Centro de Saúde de Ribeira coma ao Hospital da Barbanza de persoal sanitario, especialidades e recursos que unha sanidade de calidade merece.
-Esixiremos que se amplíe o servizo de HADO, garantindo que toda a poboación que o precise teña acceso a hospitalización a domicilio e aos coidados paliativos.
-Esixiremos da Consellería de Sanidade que se tomen as medidas necesarias para garantir a atención da cidadanía no eido da Saúde Mental.
-O Concello disporá dunha partida orzamentaria para paliar a situación daquelas persoas que non teñan capacidade económica para mercar a medicación que precisan.
-Promoveremos a coordinación dos Servizos Sociais Municipais co resto de Servizos Sociais que desenvolven as súas tarefas neste Concello.
-Promoveranse actuacións e actividades destinadas á creación de hábitos saudables, prevención de alcoholismo e outras dependencias.
2. EDUCACION, CULTURA E MOCIDADE EDUCACIÓN
-Defenderemos un ensino público, laico e de calidade.
-Dinamizaremos o funcionamento do Consello Escolar Municipal (CEM) e atenderemos as súas recomendacións.
-Fomentaremos a lingua galega tanto nos usos da propia administración como nos usos sociais dando cumprimento á normativa e ao Plan de Normalización Lingüística.
-Manteremos os centros educativos, no que compete ao Concello, nas mellores condicións.
-Esixiremos á Xunta de Galicia o mantemento dos centros educativos nas mellores condicións, dentro das súas competencias.
-Solicitaremos o aumento de Ciclos Formativos no Centro Público Integrado De Formación Profesional Coroso que cubran as novas necesidades formativas.
-Organizaremos actividades para as nenas e nenos do Concello fóra do horario escolar e en períodos de vacacións para facilitar a conciliación das familias.
-Achegaremos a Universidade a Ribeira. Negociaremos coa Universidade a ampliación da oferta de cursos para maiores.
-Colaboraremos cos Centros Docentes para posibilitar a participación do alumnado en intercambios escolares ou en programas de estancia no estranxeiro.
-Informaremos de toda a oferta educativa do Concello por parte das diferentes Administracións.
CULTURA
-Colaboraremos coas Asociacións para recuperar ou revitalizar as festas e romarías para contribuír a transmitir as tradicións.
-Organizaremos encontros e actuacións, tanto na rúa como en locais municipais das diversas expresións artísticas e culturais: pintura, poesía, escultura, teatro, artesanía, oficios tradicionais…
-Organizaremos representacións teatrais ao longo de todo o ano e de forma gratuíta.
-Apoiaremos ás e aos artistas locais.
-Fomentaremos a celebración de actos de lecer e actividades culturais que reúnan as diferentes xeracións e identidades.
-Fomentaremos o aproveitamento dos espazos escolares fóra do horario lectivo para fins educativos, culturais ou deportivos.
-Facilitaremos espazos para desenvolver as súas actividades habituais a aquelas asociacións que teñen actividade no termo municipal e que así o soliciten.
-Organizaremos rutas turísticas, poñendo en valor todo o patrimonio do Concello.
-Fomentaremos a recuperación dos restos arqueolóxicos do Concello e manterémolos coidados, accesibles e ben sinalizados.
-Deseñaremos un Plan de Lectura Municipal, convertendo a Biblioteca Municipal nun centro dinamizador de cultura e facendo chegar os libros ás distintas parroquias.
-Adaptaremos o horario da Biblioteca Municipal ás necesidades das/os usuarias/os. Potenciaremos proxectos comunitarios das escolas de música e danza.
-Fomentaremos os Grupos de Memoria nas parroquias para recuperar a tradición oral e visibilizaremos o traballo que realicen.
-Colaboraremos con colectivos e asociacións na programación das distintas festas.
-Fomentaremos todos os deportes con énfase na promoción do deporte feminino.
-Ofertaremos actividades deportivas variadas para todas as idades co fin de desenvolver hábitos de vida saudables.
-Manteremos as instalacións deportivas en perfecto estado de conservación.
-Facilitaremos o acceso e uso das instalacións deportivas.
-Aumentaremos os carrís bici para fomentar o uso deste medio de transporte.
-Respectaremos a laicidade da institución municipal, de acordo ao principio de neutralidade relixiosa.
-Casa de Cultura e de Usos Múltiples das parroquias. Elaboración dun protocolo de uso que permita que teñan un uso o máis intensivo e axeitado posible. Os edificios baleiros non xeran beneficio social.
-Eliminaremos toda a simboloxía franquista aínda presente no Concello.
MOCIDADE
Dende SumaRibeira mantemos un contacto estreito coa xuventude, atendendo aos seus intereses, problemas e necesidades. Temos deseñado con eles este Programa, pois consideramos que para ofrecerlles o mellor servizo dende o Concello é necesario escoitar activamente a aqueles/as aos/as que vai destinado, ofrecer opcións que respondan aos seus intereses reais e ter a firme vontade de provelos dos instrumentos necesarios para levalas a cabo.
SumaRibeira quere apostar pola mocidade do noso municipio y para elo propoñemos as seguintes medidas:
-Poñeremos en funcionamento a Casa da Xuventude para que os xoves do Concello conten cun espazo para realizar actividade de ocio, formación… facilitando o asociacionismo xuvenil mediante espazos de encontro.
-Fomentaremos actividades: rutas de sendeirismo, concertos, competicións deportivas, festas informáticas en Rede (LAN parties), etc.
-Estableceremos un servizo de transporte nocturno para previr o uso do coche e facilitar os desprazamentos: noitebús por parroquias.
-Apoiaremos ao talento artístico dende a base: reacondicionaremos a Sala de Ensaios e promocionaremos aos grupos locais facéndoos partícipes das festas do municipio.
-Fomentaremos a práctica deportiva habilitando as instalacións necesarias adaptadas á nosa climatoloxía e potenciando a participación das rapazas.
-Impulsaremos o deporte, con especial fincapé naqueles relacionados co mar: remo, windsurf…
-Creación dun CIX (Centro de Información á Xuventude) para facilitar o asesoramento á xuventude: orientación educativa, sexualidade, educación para a saúde, familia, igualdade, consumo de drogas, uso responsable de tecnoloxías e redes sociais…
-Estableceremos canais de participación activa entre as asociacións de mocidade e o Concello.
-Estableceremos axudas para a independencia: vivenda, traballo…
-Fomentaremos un Plan de Emprego Xuvenil, que contemple bolsas e formación gratuíta especializada.
-Apoiaremos as iniciativas emprendedoras ou laborais, fomentarémolas e garantiremos espazos de traballo compartido (coworking) gratuítos no Concello.
-Fomentaremos iniciativas emprendedoras e espazos de co-traballo no Concello.
-Facilitaremos a Formación con perspectiva de xénero ao profesorado e faremos intervencións nos centros de ensino.
-Facilitaremos apoio para o remate da formación académica.
-Organizaremos cursos de formación: de relacións afectivo-sexuais sas, de visibilización do colectivo LGTBIA+, de educación sexual, de sensibilización co acoso escolar, de nutrición, de hábitos de vida saudables, de coidado do medio ambiente…
-Organizaremos Obradoiros de Comunicación: con iguais, coa familia, cos centros de ensino, co entorno laboral…
-Controlaremos a venta de alcohol a menores e realizaremos campañas de concienciación.
-Publicaremos unha Guía de Recursos para a Mocidade.
-Realizaremos un traballo activo para previr as ludopatías, colaborando no estricto cumprimento da normativa referente ás casas de apostas.
-Promoveremos procesos educativos que estean orientados a un hábito de vida saudable: prevención do tabaquismo, alcoholismo e drogadicción.
3. TRANSPARENCIA E PARTICIPACION TRANSPARENCIA
-Publicaremos as axendas de traballo dos cargos públicos.
-Toda a veciñanza terá pleno dereito de acceso á información.
– Informaremos de forma comprensible á cidadanía de todos os asuntos que afectan á xestión dos bens públicos do Concello, en especial dos orzamentos e a súa execución.
-Publicaremos na WEB todas as licenzas e permisos que afecten ao Territorio Municipal.
-Estableceremos criterios claros, xustos e transparentes na contratación de empresas e persoal do Concello.
-Informaremos, a través da páxina web do Concello de todas as cuestións que sexan de interese para a cidadanía.
-Melloraremos a páxina web do Concello de maneira que sexa facilmente accesible para toda a cidadanía.
-Publicaremos na web municipal os salarios e dietas de todos os membros da Corporación Municipal.
PARTICIPACIÓN
-Modificaremos o Regulamento dos Plenos Municipais para facelos máis democráticos e participativos.
-Practicaremos unha política de diálogo permanente coa cidadanía e organizacións do Concello, sen intereses partidistas.
-Fomentaremos a participación da cidadanía abrindo espazos onde as veciñas e veciños poidan expresar as súas opinións, suxestións ou queixas sobre calquera tema municipal.
-Modificaremos o Regulamento de Participación Veciñal para que a decisión de participación nos Plenos non estea unicamente nas mans do Alcalde e para que se abra a participación a colectivos e Partidos que non teñan representación municipal.
-Elaboraremos uns Presupostos Participativos onde as persoas poidan achegar propostas. Unha porcentaxe dos presupostos sería decidida polos veciños e veciñas do Concello.
-Elaboraremos unha carta de dereitos das persoas do Concello que recolla:
_Dereito de participación
_Dereito á información
_Dereito de petición
_Dereito de audiencia
_Dereito de iniciativa
_Dereito de queixas e suxestións
_Dereito de intervención
_Dereito á consulta popular ou referendo
_Dereito ao asociacionismo e ao cooperativismo
_Dereito á reunión.
-Reordenaremos o Salón de Plenos de xeito que as concelleiras e concelleiros estean cara ao público.
4. MEDIO AMBIENTE E URBANISMO
POR UN CONCELLO SUSTENTABLE
O maior problema co que se atopa a humanidade é o problema do quecemento climático. Sendo conscientes de que é un problema que sobarda as competencias municipais e mesmo a capacidade do concello para solucionalo propoñemos, en consonancia co principio da ecoloxía política de “pensar globalmente e actuar localmente”, que o concello se implique en medidas que poidan favorecer a loita contra este problema global.
MEDIO AMBIENTE
-A xestión dos residuos sólidos urbanos e industriais será transparente.
-A xestión da EDAR foi escurantista dende o seu comezo, e segue a selo na resolución dos problemas que provoca á veciñanza. Esixiremos transparencia.
-Esixiremos a eliminación do desaugadoiro do río Listres.
-Camiñaremos cara a unha rede separativa de cara a tratar os residuos selectivamente.
-As actuacións futuras nos colectores de augas residuais tenderán á separación das augas pluviais, industriais e urbanas.
-Haberá control dos residuos industriais e transparencia máxima na información sobre calquera incidencia.
-Estableceremos medidas que impulsen un tratamento dos residuos que favoreza a reciclaxe e a diminución do número de residuos a tratar.
-Estudaremos a implantación da compostaxe de residuos orgánicos.
-Garantiremos o tratamento adecuado de todos os residuos.
-Esixiremos que as comunidades de montes garantan un funcionamento transparente e democrático.
-Fomentaremos a Educación medioambiental nos centros de ensino.
-Interconectaremos o transporte urbano/interurbano. Informaremos de horarios, atrasos… a través dunha aplicación de móbil.
-O Transporte Público estará adaptado para persoas con mobilidade reducida.
-Melloraremos e incrementaremos os carrís bici e interconectaremos os tramos que hai. Fomentaremos as hortas urbanas.
-Actuaremos para que se cumpra a Lei de Benestar Animal
-Ampliaremos as zonas verdes.
-Propoñeremos medidas que freen o deterioro do Parque Natural de Corrubedo e promoveremos unha xestión máis participativa onde os/as veciños/as do entorno do parque se impliquen na toma de decisións.
-Fomentaremos as hortas urbanas.
URBANISMO
-O tipo de urbanismo realizado ao abeiro do Plan de Urbanismo en vigor obríganos a reclamar a redacción dun novo Plan, que faga que as novas actuacións urbanísticas nos leven a unha Ribeira máis habitable, con máis harmonía e amable para a cidadanía.
-A redacción do novo Plan Xeral de Ordenación Urbana debe contemplar un desenvolvemento máis equitativo entre o centro e as parroquias.
-Faremos un Plan Integral de Accesibilidade para lograr que nunha lexislatura municipal se cumpra a Lei de Accesibilidade en todo o Concello. Para conseguilo darémoslle prioridade orzamentaria.
-Recolleremos en documento ou libro oficial as cesións de terreo que por calquera motivo fagan as/os veciñas/os.
-Esixiremos a colocación dos carteis informativos obrigatorios en todas as obras que se realicen no Concello.
-Axilizaremos a concesión ou denegación das obras menores e haberá un control por parte do Servizo de Urbanismo para que se adecúen ao solicitado.
-Control da calidade das obras polos servizos municipais e esixencia por parte do concello de que se cumpran as calidades nas mesmas.
-As concesións de chan público a establecementos do ámbito privado non lesionarán os dereitos da cidadanía, estarán sinalizadas e serán especialmente sensibles coas persoas que teñan calquera tipo de discapacidade.
-Planificaremos de forma detallada a peonilización garantindo o dereito a circular sen obstáculos.
-Combateremos o actual descontrol na área de urbanismo que provoca efectos perversos:
Perda de ingresos.
Inseguridade xurídica.
Trato discriminatorio.
-Ofertaremos solo industrial para facilitar que as empresas se instalen no noso concello, sempre que sexan sustetables.
-Estas e outras medidas cremos que van contribuír a diminuír significativamente a percepción de que non toda a cidadanía é tratada con igualdade en materia de disciplina urbanística.
5. E ADEMAIS
-Remunicipalización de servizos.
-Comarcalización: Superar e aumentar a todos os ámbitos da política municipal a comarcalización.
-Compra pública ética.
POR UNHA RIBEIRA MÁIS AMABLE
Este é o noso Proxecto para Ribeira. Nel temos posta toda a nosa ilusión e moita esperanza. Pensamos que é o momento e que temos a oportunidade de cambiar de rumbo a política municipal e mellorar a vida e a convivencia dos e das ribeirenses. Esperamos que depositedes a vosa confianza neste programa e contamos con vós nos próximos catro anos para facelo realidade.