NOVENO. Determinación dos postos de persoal eventual.
Estamos en contra da sua aprobación. Votaremos en contra.
Estamos a favor de que estes postos sexan ocupados por traballadores do Concello.
En SumaRibeira pensamos que a posible incomodidade, por dispoñibilidade horaria, que poda derivar de que sexa persoal do Concello o que desenvolva o traballo de asistencia ao Alcalde está xustificada polo aforro e seguridade de solvencia profesional xa amosada que suporía a nosa proposta.
En canto á persoa responsable do Departamento de Comunicación
Se é necesario un Departamento de Comunicación, pensamos que debería saír a concurso público a praza.
Se nos presentou a necesidade dunha persoa para esta praza alegando polo Alcalde que actuaría como encargada de comunicación do Concello, ao servizo de tódolos Grupos Políticos. Non nos parece que sexa a mellor maneira de asegurar a disponibilidade equitativa desta persoa que sexa nomeada directamente como persoa de confianza do Alcalde.
DÉCIMO. Concellerías con dedicación exclusiva
Aceptaríamos que haxa tres dedicacións exclusivas no Equipo de Goberno, a do Alcalde e dúas concelleiras.
Discrepamos das contías a percibir.
No noso Programa Electoral está recollido que o soldo máximo para o Alcalde sexa de tres SMI (salario mínimo interprofesional) mensuais en 14 pagas polo que o soldo bruto anual sería de 37.800,00 €. Esta é a nosa proposta.
Para as outras dúas exclusividades propoñemos que o salario sexa o correspondente a dous SMI, é dicir, 25.200,00 € anuais.
Proposta de Concelleiro/a do PP con dedicación parcial do 75%:
Débese cambiar o enunciado da proposta (“Concellería delegada de Servicios Sociais, Promoción Social, Igualdade e Diversidade”) por Concelleira voceira do Grupo PP”
Estamos en contra desta porque consideramos suficiente con tres dedicacións exclusivas para o Equipo de Goberno.
Concelleiros/as do PBBI, PSOE e BNG con dedicación parcial do 75%:
Estamos en contra xa que é unha partida nova, incluída estratexicamente para votar conxuntamente con outras, que supón unha carga máis para as arcas do Concello, querendo pasar da non existencia na actualidade a introducir as tres cun 75% de dedicación.
A xustificación que se argumenta dicindo que “que ostentan delegacións específicas pola dirección e xestión dos servizos que se sinalan a continuación” e para estes concelleiros/as non se sinala nada máis que “voveiros do Grupo PBBI, PsdG-PSOE e BNG.
Ademáis descoñecemos as funcións que realizarían, e, en todo caso, deberían estar especificadas na proposta que presenta a Alcaldía, incluso, seguramente, por imperativo legal.
Dicir que botamos moi en falla que neste Pleno, paran facilitar avaliacións obxectivas das asistentes, non se nos dese a Concelleiras e Cidadáns unha información orientativa sobre o promedio de retribucións nos concellos galegos. En SumaRibeira, fixemos un pequeño e humilde traballo ao respecto, e queremos dicir , a modo meramente orientativo, que tiramos a conclusión de que, por exemplo, a Retribución media das Alcaldías de concellos entre 35.000 e 17000 habitantes debe estar actualmente ao redor duns 44,000 €.
DECIMOPRIMEIRO. “asistencias órganos colexiados, indemnizacións e retribucións aos grupos políticos municipais”.
Estamos en contra das subidas por estes conceptos.
A nosa proposta é que se manteñan as retribucións actuais por asistencia ás reunións e que
a asignación mensual fixa aos Grupos Políticos que é de 900,00 €, en coherencia co criterio xeral de conveniencia de redución do gasto nas partidas que hoxe nos ocupan, se rebaixe a 500,00 € por Grupo Político, cantidade ésta que está máis en concordancia co establecido na maioría dos concellos galegos de semellantes ou superiores presupostos ao de Ribeira para este concepto.
Pensamos que a proposta do Concello supón un dispendio de cartos públicos que sería dificilmente entendible pola cidadanía en tempos de tantos recortes, tanto en salarios das traballadoras, como de servizos públicos e na creación de novos postos de traballo.
Coa nosa proposta o Concello aforraría máis de 260.000,00 € anuais que se poderían destinar a políticas sociais, educativas, á creación de postos de traballo… Propoñemos que sexa o Pleno do Concello quen decida a que se van dedicar estes cartos de aforro real.