Ante as declaracións aos medios feitas este mércores polo Alcalde queremos manifestar o seguinte:
Presentándoo como un argumento central, que amosaría, segundo a súa libre interpretación, unha incoherencia que as concelleiras da oposición non permitisen a licitación do Auditorio por un valor total duns 4.700.000€, o Alcalde afirmou que este incremento orzamentario levaría a ter que dispoñer “so” de 1.200.000€ (300.000€ menos dos 1.500.000€) que no Pleno de 26-11-2019 se aprobaran en concepto de ampliación de crédito para esta infraestrutura.
En SumaRibeira estamos en condicións de afirmar que, quizais inconscientemente traizoado pola incerteza do resultado da votación que terá lugar no Pleno deste luns 28, con estas declaracións está esquivando a realidade dos feitos, que é claramente incompatible coa veracidade das declaracións feitas polo Alcalde.
O que realmente dixo o Alcalde, tanto en Xunta de Voceiras como no Pleno do 26-11-19 foi que se solicitaba a aprobación do crédito por 1.500.000€ por necesidade legal de dispoñer de liquidez inmediata suficiente para poder licitar con prontitude a obra, e así cumprir os prazos de execución condicionados polos fondos “FEDER”. Pero se dixo con toda claridade, que co comprometido ata ese día en subvencións xestionadas pola Alcaldía, como máximo o concello precisaría só 500.000€ dese millón e medio. É dicir, incompatiblemente co afirmado por el, de aprobarse o presuposto de 4.200.000€ (equipamento excluído) o concello precisaría dispoñer de 700.000€ máis dos 500.000€ prometidos, e non os “300.000 menos de 1.500.000” que equivocadamente argumenta agora (e dicir, o Alcalde incorre nun “desfase” de un millón de euros, pois di que son 300.000 menos de 1.500.000 cando son realmente 700.000 máis do tope de 500.000 ao que se comprometera). A todo isto deberase sumar o custe do equipamento do Auditorio, que ao parecer estaría ao redor de 400 ou 500 mil euros.
Visto o exposto, cremos que non existe a máis mínima incoherencia entre que o Pleno do 26-09-19 aprobara o citado crédito de 1.500.000€ (cos votos a favor do PP e BNG, abstención do PSOE e votos en contra do PBBI e SumaRibeira), e que agora calquera concelleira da oposición decida votar en contra. Dicir o contrario nos parece un exercicio de “ilusionismo dialéctico” dende a contrariedade por un Equipo de Goberno Municipal que fixo, ao noso entender, unha mala e incoherente xestión en todo este proceso que eles dirixiron.
Acompañamos transcrición de declaracións feitas polo alcalde o 23-09-20, e da acta coa intervención do alcalde no Pleno de 26-11-19 no que se aprobou o Suplemento de Crédito de 1.500.000€
Declaracións do Alcalde na Rolda de Prensa do mércores 23-09-20:
“o novo Auditorio custaralles ás arcas municipais menos cartos dos que os grupos da Corporación autorizaron segundo o aprobado no pleno de novembro de 2019”.
“aprobouse un suplemento de crédito por un importe de 1,5 millóns de euros en concepto de achega municipal para construír un inmóbel de 3,6 millóns de euros, que tamén estaba co-financiado por fondos europeos da EDUSI”.
“cos seus custes reais serían inferiores en 300.000 euros a ese 1,5 millóns de euros autorizado no mes de novembro”.
Transcrición de intervención do Alcalde segundo figura na Acta do Pleno de 26-11-19:
“Para tal fin, esta Alcaldía xa ten solicitado e está en trámite a concesión de axudas adicionais fronte a outras Administracións. Estas axudas serían as seguintes:
- Subvención da Deputación da Coruña, por importe de 300.000 euros.
– Subvención da Consellería de Cultura da Xunta de Galicia, por importe de 400.000euros. - Subvención da Consellería de Medio Ambiente da Xunta de Galicia, por importe de 500.000 euros, dos que 129.470 euros xa están asinados mediante o “Convenio de Colaboración entre a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, e o Concello de Riveira para o financiamento da redacción do proxecto do novo Auditorio Municipal, coa data 12.11.2019.
A intención desta Alcaldía, tendo en conta os prazos de licitación e de execución da obra e os prazos de xustificación dos fondos europeos, é proceder a licitación da obra na maior brevidade posible, para o cal é necesario contar coa financiación suficiente polo importe total do proxecto. Xa que as subvencións citadas anteriormente están pendentes da sinatura dos respectivos convenios, proponse a concertación dunha liña de crédito polo importe necesario para cubrir a totalidade do importe do proxecto da obra. Esta liña unicamente se chegará a formalizar polo importe que sexa necesario, de tal maneira que as subvencións que se vaian confirmando irán diminuíndo o importe do préstamo, así como a posible baixa derivada da licitación da obra. O procedemento necesario para levar a cabo esta liña de crédito é a través dunha modificación orzamentaria, neste caso un suplemento de crédito, xa que se trata de gastos cuxa execución non é posible demorar ao exercicio seguinte. A fonte de financiación sería neste caso unha operación de crédito.
Transcrición do audio (que forma tamén parte da Acta) do momento en que o Alcalde di ao Pleno que, co conseguido en subvencións ata ese día, só se precisaría utilizar un máximo de 500.000€ do crédito de 1.500.000.
“o montante máximo que este Concello estaría a financiar nesa obra sería, aparte dos fondos europeos, 500.000€ e por eso que para evitar problemas de futuro, pois propoñemos xa esta operación para que esa obra se poida licitar este mismo ano. E dicir, no momento que chegue o proxecto inténtala licitar, para que esta obra poidera ser unha realidade nas Navidades do ano 21, e podamos celebrar aquí tamén o Xacobeo.”